domingo, 10 de febrero de 2008

Don Dombate non durme.

O vello don Dombate de Borneiro non pode coller o sono e non é por mal de amores xa que hai anos que rachou coa súa moza Arca da Piosa. O problema é a friaxe que está a sufrir desde hai vinte anos. A pel exterior resiste ben se consideramos a súa idade pero a procesión vai por dentro. Desde que aquel poeta de Ponteceso lle preguntou se o podía chamar "calada esfinxe" non volveu ter un compañeiro co cal filosofar.
Quixo falar co profesor Le Roux para saber doestado de saúde dos seus curmáns bretóns pero freouse porque leva séculos sen falar francés. Aínda que mirando para os ollos alumeados do profesor bretón soubo axiña que os seus familiares recibían agarimo e cordialidade das autoridades ás que lles corresponde a súa defensa. Está doído polo desprezo que recibe en tempos nos que existen grandes expertos universitarios que se dedican aos estudos das grandes Pedras.
Vai para dúas decadas e a súa enfermidade estáse a convertir en crónica. El que sempre tivo unha saúde de pedra síntese eivado na epiderme ao perder o caloriño da terra que lle quecía o corazón. Quere volver aos remedios caseiros porque as novas tecnoloxías que utilizan cubricións de metacrilato son caras e moi frías. Está agardando que lle receiten unhas toneladas de boa terra para que acaben dunha vez os seus males.

No hay comentarios: