domingo, 10 de febrero de 2008

O canon non é un canón.

Na campaña electoral para o nove de marzo entrou o tema do canon dixital ou mellor dito algo de máis amplitude coma son os dereitos de autor. A sorpresa é que a dereita quere esmagar aos autores. Poida que non sexa sorpresa ningunha cando só se intenta apañar votos sen a utilización de ningún discurso ideolóxico. Perdón, discurso hai pero é de plastilina porque dobra ata onde se pensa que hai un votiño solto.
Vexamos un exemplo da inxustiza que se comete cos autores con respecto por exemplo a un carpinteiro: o carpinteiro fai unha mesa e nela poderán comer os seus fillos, netos e bisnetos. Quere dicir que pode ser herdada polos seus descendentes. Un escritor escribe unha novela e un músico escribe unha sinfonía. Ámbalas dúas creacións teñen éxito e reciben críticas eloxiosas e tamén uns escasos euros polos dereitos de autor. Os fillos destes creadores poderán percibir os dereitos correspondentes as reedicións que eles autoricen pero os netos e bisnetos quedan sen herdanza. Pasados 70 anos son do dominio público e calquera pode utilizalas sen restriccións.
Unha mesa pode ser deixada en herdanza e unha novela non. Quero que alguén me razoe cal é a elucubración tan imaxinativa que levou ao lexislador a convertir aos creadores culturais nuns pobres infelices que non son donos da súa propia obra. Por se fora pouca a labazada ---legal pero inxusta---veñen uns candidatos analfabetos a poñer diante do canón aos que perciben un canon. Estamos a falar dun canon (renda que se paga por un ben adquirido) que se fose un salario entón evidentemente esta tropa reaccionaria sairía á rúa coas navallas afiadas.
Se case resulta que os autores son uns aproveitados e uns vividores porque cobran un céntimo de euro por cada CD que se comercializa ou por cada fotocopia que se fai dun libro. O sistema do canon é mellorable e pódenselle poñer pegas. Pero ten, ao meu entender, algo moi positivo que é a súa ética ao permitir que o consumidor saiba que cando merca determinado produto está colaborando para manter vizosa a cultura do país. Quizais sexa o que algúns non queren porque a cultura é a mellor protección contra dos manipuladores dun partido político que aspira a gobernar para 43 millóns de cidadáns.
MANUEL SUÁREZ SUÁREZ

No hay comentarios: